Wednesday 15 de May de 2024

O ciclo de artes escénicas ‘Sen numerar’ volve este venres ao Fórum Metropolitano, con espectáculos programados ata mediados do mes de xuño


O auditorio do recinto municipal acolle a obra de teatro clásico ‘El libro del buen amor’, interpretada pola compañía Teatro Guirigai

O Fórum Metropolitano acolle desde esta semana unha nova edición do ciclo de artes escénicas ‘Sen numerar’, con sete funcións previstas ata mediados de xuño.

O ciclo dará comezo este venres 4 de febreiro (20.30 horas), coa obra de teatro clásico ‘El libro del buen amor’, interpretada pola compañía Teatro Guirigai, fundada en Madrid no ano 1979. A función, dirixida por Agustín Iglesias, conta con Raúl Rodríguez, Magda García-Arenal, Jesús Peñas, Nuria Ayuso e Asunción Sanz como protagonistas. Na obra, e encabezados polo arcipreste, os personaxes percorren os camiños da Península, buscando as súas festas e romarías, despregando o seu oficio de xograres para integrarse nelas. Son cinco camiñantes, unidos pola necesidade e o desexo de compartir arte e sabedoría.

A obra, dunha hora de duración, está recomendada para o público xuvenil a partir dos 16 anos. As entradas xa están á venda, a través da páxina web de Ataquilla.com. Habilitarase tamén o despacho de billetes do Fórum Metropolitano o día do espectáculo, desde unha hora antes do comezo do mesmo. Ademais, os pases poden adquirirse no despacho de billetes do IMCE sito na Praza de Ourense en horario de luns a venres (salvo festivos) de 11.00 a 15.00 e de 16.30 a 19.30 horas.

O prezo das entradas será de 9 euros para o público xeral e de 7 euros para aquelas persoas que dispoñan de Carné Xove, sexan maiores de 65 anos ou estén desempregadas.

Seis espectáculos máis programados ata xuño
O ciclo de teatro para adultos ‘Sen numerar’ continuará ata o día 10 de xuño no Fórum Metropolitano. O calendario de espectáculos previsto, sempre en venres e ás 20.30 horas, é o seguinte:
● Venres 11 de marzo: ‘As fillas bravas e o mito de Casandra’ (Chévere).
● Venres 18 de marzo: ‘A familia real’ (Olivas negras e Aporía).
● Venres 8 de abril: ‘Lázaro’ (Leamok).
● Venres 22 de abril: ‘As alumnas’ (Culturactiva).
● Venres 13 de maio: ‘A parábola do angazo’ (Talía Teatro).
● Venres 10 de xuño: ‘Do pracer e da morte’ (A feroz).